Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Ordes inicia as obras de mellora da Escola Municipal de Música


Investimento de 40.000 € para arranxar os problemas derivados do escaso illamento térmico e para acadar unha maior eficiencia enerxética

Ordes, 4 de setembro de 2018. O Concello de Ordes vén de iniciar unha primeira fase con obras de mellora de eficiencia enerxética do inmoble que alberga a Escola Municipal de Música. En total o orzamento ascende a 40.000 €, cantidade destinada a solucionar principalmente os problemas e inconvientes provocados polo deficiente illamento térmico dos paramentos verticais exteriores e por unha instalación eléctrica e de alumeado dimensionada de maneira incorrecta. Dita cantidade está subvencionada nun 80% (32.000 €) pola Xunta de Galicia en base ao Fondo de Compensación Ambiental).

Entre os labores que se están a realizar inclúense a desmontaxe de portas e de cerramento de fachada a base de chapa de aceiro prelacado, substitución completa do sistema eléctrico e dos seus mecanismos, así como dos elementos de alumeado por downlights encastrados en falso teito con sistema LED. Tamén está prevista a sinalización de elementos contra incendios e vías de evacuación ademais da substitución de luminarias de emerxencia por outras de tipo LED. A día de hoxe estase traballando xa no illamento térmico exterior da fachada con paneis ríxidos de polistireno fixado con morteiro, tras o que se realizará un revestimento exterior a base de morteiro acrílico sobre imprimación. Por último aplicarase unha pintura de todos os paramentos, ademais de colocarse novas portas de saída laterais elaboradas en pvc.

O prazo de execución para finalizar con todas estas obras é ao remate do presente mes de setembro de cara a que esten listas para o comezo do novo curso da escola munipal de música.

En actuacións futuras que valora o goberno local, previstas para unha segunda fase, contemplarán a climatización interior de todas as aulas, o cambio das carpinterías, e a substitución da actual cuberta de chapa por outra de panel ao fin de completar as actuacións de illamento térmico.